quinta-feira, janeiro 12, 2006

O vulgarismo español como fonte de 'riqueza' lexical galega

Comezamos o ano retomando o labor de correczón lingüística.

Nesta ocasión queremos analisar un fenómeno que xulgamos especialmente degradante para a nosa lingua: o recurso a vulgarismos en español (ás veces adaptados) como sinónimos de palabras galegas.

O caso detectado e que motiva este texto é un dos últimos escritos de Brétemas, que consideramos un dos blogues mellor escritos en galego (e talvez o mellor seguindo a normativa da RAG). Brétemas usa a palabra "mancontro" como sinónimo de telemóbel ou móbil, forma esta última pola que opta tamén o seu autor.

"Mancontro" é un vulgarismo castellano que ten outra variante: "mancuentro", ambas cada vez menos usadas nesa língua (en contextos coloquiais e con ánimo xocoso e vulgarizante, como pode confrontarse en calquer buscador). A palabra é imposíbel en galego, pois segue a estrutura gramatical do español: "me encuentro" (a forma correcta en español da que deriva o vulgarismo) seria "encóntrome" en galego, e nunca "me encontro".

Telemóbel (coloquialmente tamén móbel) é a forma que consideramos mais adecuada para designar o aparello na ortografia da RAG (confluindo así coas formas internacionais do galego-portugués e coa norma da AGAL). É tamén a forma utilizada en recentes campañas de normalizazón lingüística desenvolvidas no ámbito da telefonía móbel.

No espallamento de formas deturpadas e espurias como mancontro achamos que influi, alén da subordinazón do galego ao español, unha certa vontade diferenciadora do español (e talvez tamén do portugués) que neste caso opta por utilizar vulgarismos que esa lingua cria e logo pasa a rexeitar, ou que son de uso minoritario nela e por iso poden non ser identificadas como castellanismos. Tamén influen noutros casos similares a este tanto o rigor normativista (de calquer normativa) que refuga variantes ou sinónimos galegos en favor de unha única forma padronizada (como acontece no ámbito de uso da norma RAG coa palabra rematar), ben como o descoñecimento das formas internacionais do galego, que neste caso nos oferecen outro sinónimo: celular.

Finalmente, alguns meios poden dar o último empurrón para ecoar e popularizar o erro. Neste caso, sinalamos certa responsabilidade de Vieiros e A Nosa Terra.